A feira, presentada esta mañá nun acto no Mercado de Pontevedra, é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran o que comen. O evento promóveo a concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco,

Tras o parón obrigado pola Covid-19 do pasado ano, Pontevedra volverá converterse no epicentro do gourmet galego os días 10, 11 e 12 de decembro. 

Espazo feiral 

Etiqueta Negra terá máis de 100 expositores, escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos. Viños, licores, vermús, cervexas e outras bebidas sorprendentes como o hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, conservas, setas, legumes, salsas e aderezos, pan e empanadas, serán algúns dos produtos presentes este ano. 

Xunto ao espazo expositivo, a feira terá tamén unha Zona de Catas e unha Viñoteca, onde se poderán degustar algunhas destas referencias. A Tetería da Deputación de Pontevedra volverá estar presente para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos.

Cafetaría con estrela 

O Anfiteatro contará cada tarde cunha sesión maxistral de cociña en directo protagonizada por recoñecidos chefs galegos. Iñaki Bretal, o primeiro estrela Michelín da cidade, será un deles. O chef ofrecerá, o sábado 11 pola tarde, unha viaxe polos pratos que compoñen o menú degustación do seu restaurante O Eirado da Leña. Ademais, e como novidade moi especial na edición deste ano, dirixirá a cafetaría de Etiqueta Negra, onde ofrecerá diferentes propostas culinarias para desfrutar do seu savoir faire

Os centros de formación de hostalería volverán a estar presentes, un ano máis, no programa da feira. O CIFP Carlos Oroza e o Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés desenvolverán o venres pola mañá cadanseu showcooking, con degustación das diferentes creacións elaboradas in situ para 100 persoas. 

Estrella Galicia, patrocinador principal de Etiqueta Negra, ofrecerá o venres 10, catro catas comentadas sobre as cervexas, a sidra Maeloc, o vermú Rivera –elaborado con lúpulo cascade cultivado en Galicia–, e o viño Ponte da Boga. Na sesión da tarde realizará no Anfiteatro un espectáculo de cociña con degustación e maridaxe das cervexas 1906. 

Punto de Encontro Profesional 

Etiqueta Negra é unha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. No Punto de Encontro Profesional e nos propios stands desenvolveranse numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios.  

A feira conta co apoio de Estrella Galicia, Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Gadis, e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, nesta edición colaboran Froiz, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera Espacios Temporais e Labauh Factory. 

Etiqueta Negra terá un horario ininterrompido, o venres e o sábado de 11.00 a 21.00 h e o domingo, ata as 20.00 h.
A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días, ao prezo de 5 euros.
 

Pin It on Pinterest