Que é
ETIQUETA NEGRA?
Coa intención de poñer en valor e consolidar a imaxe do sector da alimentación gourmet, o Concello de Pontevedra organiza unha feira profesional que abre tamén as súas portas a un público cada vez máis especializado e esixente, que se informa para coñecer o que está a consumir, que lle gusta probar sabores e experimentar texturas novas.
A feira amosa a ampla variedade de alimentos e bebidas de alta gama que se están a facer en Galicia, e tamén os procesos de innovación de novos produtos, sabores e envases.
Etiqueta Negra é xa un dos eventos gastronómicos máis destacados do país, que reúne nun mesmo espazo a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.
É o mellor escaparate para presentar o gran potencial deste mercado, onde a combinación de innovación e comercialización especializada progresa cada día.
Coa participación de prestixiosos expertos Etiqueta Negra convídanos a descubrir o máis selecto do mercado galego de produtos de calidade diferenciada e marca premium.
Obxectivos
Sede
Etiqueta Negra celebrarase no pavillón do Recinto Feiral de Pontevedra, un moderno edificio deseñado polo arquitecto Manuel de las Casas cunha lonxitude de 165 metros e unha superficie útil de 4.875 m². O Recinto está conectado desde o interior ao Pazo da Cultura que conta, entre outros espazos, con oito salas para seminarios, un salón de actos de 296 prazas e un auditorio con capacidade para 752 persoas.
Este complexo cultural sitúase na parte noroeste da cidade, na rúa de Alexandre Bóveda, a escasos cinco minutos do centro urbano e perfectamente comunicado coas principais vías de entrada. Atópase rodeado de dez mil metros cadrados de xardíns e zonas verdes, cunhas espectaculares vistas sobre o río Lérez. Trátase dun espazo moi versátil que permite o emprego de forma conxunta de todas as súas dependencias e servizos.
Pontevedra
Pontevedra goza dunha situación estratéxica como capital das Rías Baixas, en pleno Eixo Atlántico, porta de entrada con Portugal e punto clave do Camiño Portugués a Santiago.
A cidade posúe un centro histórico-artístico realmente excepcional, cheo de encanto que convida a perderse polas súas vivas e sempre suxestivas prazas de pedra… Repleta de edificios brasonados, en Pontevedra danse cita os máis diversos estilos arquitectónicos: románico, gótico, plateresco, barroco… Pero tamén o culto e o popular, o laico e o relixioso, a vitalidade e a calma. Todo iso configura un espazo singular que chama a atención polo amigable das súas rúas cheas, non só de monumentos, senón de xente que vive nunha cidade amable, ben conservada e modelicamente peonil e sustentable.
E é que en Pontevedra, cidade hospitalaria e cordial, todo está a un paso. Desde o Museo de Pontevedra, cunha colección de xoias únicas en Europa, con máis de 4.000 anos de antigüidade, ou a Illa do Covo, á que tamén chaman das esculturas polas pezas alí existentes, pasando por monumentos de diferentes estilos artísticos, como a Basílica de Santa María, as góticas Ruínas de San Domingos, a Capela da Peregrina, símbolo e centro neurálxico da cidade, San Francisco, e o barroco San Bartolomé, ata os numerosos pazos e edificacións singulares que adornan prazas como a Praza da Leña, Teucro ou Ferraría.
Pontevedra tamén é un gran escenario urbano para o lecer, a boa gastronomía e a festa. Demóstrano os centos de locais, espallados por todas as prazas e xardíns da cidade, con acolledoras terrazas onde poder degustar todo tipo de propostas culinarias, desde as máis tradicionais ata as máis innovadoras.
Pontevedra, unha cidade de futuro, reconciliada co planeta, amable coas persoas e profundamente urbana.