A sétima edición de ETIQUETA NEGRA contará coa presenza de máis de oitenta produtores (25 dos cales participarán por primeira vez na feira), escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a calidade dos seus produtos. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, xamóns, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas… e unha infinidade de delicias que farán gozar o padal.
Moitos destes produtos será posible degustalos tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada. Para participar nas catas será necesario inscribirse de maneira presencial no lugar de celebración desde unha hora antes.
A Tetería da Deputación de Pontevedra volverá para dar a coñecer a marca TéAreeiro, distintivo de calidade e de produto local co que a institución provincial impulsa a produción de té verde, obtido con brotes e follas de Camellia sinensis. No seu espazo desenvolverá diferentes sesións de degustación (cunha duración de 90 minutos). A participación é gratuíta pero require inscrición previa neste espazo, xa que as prazas son limitadas (20 persoas).
Tamén a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), da Xunta de Galicia, contará cun espazo propio onde se desenvolverán un programa de actividades que abranguerá presentacións de produtos dos seus operadores.
E para que as mamás e papás poidan realizar tranquilamente as súas compras, este ano contarase, por vez primeira, cun servizo de gardería para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos. A Pequenos Gourmets Ludoteca estará aberta o sábado 11, en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h, e o domingo 12, de 11.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h. A cativada pasará un anaco divertido xogando e escoitando sesións de contos cunha ambientación dedicada á alimentación e á cociña en xeral.
Showcookings
Xunto á actividade da zona expositiva, en ETIQUETA NEGRA desenvolveranse ademais diversas sesións maxistrais de cociña en directo protagonizadas por recoñecidos chefs galegos, que se van suceder durante os tres días que dura o evento e que mostrarán as infinitas posibilidades gastronómicas dos produtos galegos.
O luns 13 ás 11.30 h, baixo o nome de “Paseo polo mundo de Carlos Oroza”, o CIFP Carlos Oroza levará a cabo unha cata (para un máximo de 100 persoas) que combinará a gastronomía cos lugares máis significativos do poeta que dá nome ao seu centro. Cada bocado será a representación dun momento ou dun lugar particular na vida do poeta viveirense, cos que se tratará de proporcionar un contexto cultural e histórico á súa vida e obra, xusto no ano en que se conmemora o centenario do seu nacemento.
Espazo Etiqueta
O ETIQUETA NEGRA volve nesta edición para acoller diversas actividades de formación así como catas especiais. Entre elas, a Asociación Cocina Regenerativa desenvolverá o domingo 12 senllos talleres sobre encurtidos para conservar verduras e hortalizas de xeito saudable (ás 12.00 h), así como outro sobre cortes de tenreira menos populares para preparar tártaros (ás 18.30 h). Asemade, a profesora Lili Wo ofrecerá ás 16.30 h unha sesión para aprender a preparar gyozas, as empanadiñas xaponesas, moi apreciadas en todo o mundo pero con ingredientes de Galicia. Os participantes prepararán o recheo cun ingrediente pouco común nesta elaboración: o atún e a salsa de acompañamento.
A participación nestes tres talleres ten un prezo de 15 euros e require inscrición e pago previos a través da páxina web etiquetanegragourmet.com. Hai 20 prazas dispoñibles para cada actividade.
Neste espazo celebraranse ademais diferentes catas comentadas, como as de mel e hidromel de Valdabella, impartidas polo experto Manuel Simôes; a de diferentes carnes de razas autóctonas, da man de Granxa Aeiroá, Gandaría Balín, Gandaría O Agro e Montes de Boado, un conxunto de produtores unidos baixo o selo de calidade 100% raza autóctona; ou a fiado de queixos de Queixería Galmara.
Outras actividades
Estrella Galicia desenvolverá o luns 13 unha serie de actividades divulgativas sobre os seus produtos. Pola mañá, os viños dos cinco denominacións de orixe galegas serán os protagonistas na cata “Un paseo por Galicia”, que será guiada pola enóloga Patricia Pérez e terá lugar na Viñoteca ás 13.15 h. E ás 18.15 h, na Zona de Catas, terán lugar os Momentos Maeloc, un percorrido divulgativo destas sidras realizado pola embaixadora de marca, Sonia París. Para a asistencia a estas catas comentadas gratuítas, haberá que realizar inscrición previa nos seus respectivos espazos cun límite de prazas.
Por outra banda, ás 17.00 h, chegará toda unha aposta pola cociña de mercado con tinguiduras creativas fusionando ingredientes, sabores e texturas. A. Jorge Gago, propietario do restaurante compostelá A Maceta, presentará catro degustacións que serán construídas seguindo unha maridaxe con Cervexas 1906. Será no Anfiteatro Estrella Galicia.
Encontros Profesionais
ETIQUETA NEGRA será unha gran plataforma de negocio e de encontro entre profesionais do sector gastronómico. Ao longo das tres xornadas desenvolveranse numerosos Encontros Profesionais entre os expositores participantes con exportadores, distribuidores, tendas, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para iso, contactouse con máis de 500 tendas gourmet, 300 distribuidores de alimentación e bebidas, 350 establecementos hosteleiros, así como 200 hoteis, pazos e casas rurais.
Por outra parte, o luns 13 ás 10.00 h (unha hora antes da apertura da feira ao público), a coordinadora da área de Mercados do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Belén Vázquez Sampayo, impartirá unha formación baixo o título “Canto sabes do mercado no que vendes? Enfoques de produto e percepcións dos consumidores”. Neste encontro, dirixido exclusivamente aos expositores de ETIQUETA NEGRA, abordarase a investigación de mercados desde as necesidades dos pequenos produtores, afondando na necesidade de caracterizar o seus produtos (composición nutricional, información de etiquetaxe, principais reclamos ou claims) así como o emprego de ferramentas que acheguen información sobre as necesidades e expectativas dos consumidores.
Ese mesmo día, a partir das 12.30 h, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria levará a cabo no Anfiteatro unhas xornadas técnicas para promocionar o selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria e a importancia do produto alimentario artesán. Tendas gourmet e produtores artesanais achegarán os seus coñecementos e as súas experiencias na produción e comercialización de produtos alimentarios artesáns aos asistentes.
A mesma hora, o salón gourmet acollerá tamén o Grupo de Traballo de Gastronomía e Turismo promovido por Clusaga, dentro da súa Área de Mercados e Internacionalización. Este foro privado de debate –que sae por primeira vez de Santiago de Compostela– ten como finalidade xerar un espazo de reflexión arredor do turismo gastronómico. Froito deste grupo de traballo, as empresas da industria alimentaria e de bebidas asociadas están a determinar cales son as iniciativas de maior impacto e viabilidade para pór en valor os produtos galegos e aumentar o posicionamento da marca Galicia a través da súa gastronomía.
E un ano máis, persoal do ICEX visitará a feira co obxectivo de informar os produtores sobre os servizos que ofrece a entidade pública para axudar á internacionalización das PEMES galegas.
Visitas de estudantes
Na xornada do luns, ETIQUETA NEGRA recibirá máis de 1.000 estudantes de centros de formación profesional de toda Galicia, futuros profesionais do sector, para coñecer de primeira man as novidades do gourmet galego. O alumnado que asistirá á feira procede de graos medios e superiores de cociña, panadaría, nutrición e dietética, vinicultura, ciclos de panadaría e pastelaría así como comercio internacional e industria alimentaria, entre outros. Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Tui, Redondela, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Cambados ou As Neves son algúns dos seus lugares de procedencia.
Entre os grupos que visitarán a feira figuran os alumnos de segundo de cociña da chef Beatriz Sotelo (Grupo Nove), quen tamén acudirá á feira en calidade de docente do CIFP Paseo das Pontes.