En setembro de 2018, Etiqueta Negra viaxaba a Barcelona convidada pola Oficina de Turismo do Centro Galego da cidade condal para presentar alí a feira ante diversos profesionais do sector.

Tras o éxito da iniciativa, na que se realizaron importantes contactos con distribuidores, propietarios de establecementos gourmet e medios de comunicación especializados, déronse os primeiros pasos para que Manu Núñez, o chef galego que capitanea o restaurante Louro, situado no primeiro andar do Centro, puidese participar na edición de Etiqueta Negra 2019.

“Encontrando o Norte” 

O produto gourmet galego reinterpretado cunha óptica escandinava. Este é o plantexamento do showcooking de Manu Núñez que promete sensacións e maridaxes sorprendentes. O chef combinará sabores e produtos desde unha perspectiva diferente, sen abandonar o propio contorno, simplemente con outra mirada ao que se faría por costume. Desde ese concepto prepara “un menú de 4 ou 5 pratos con produtos moi de aquí e á vez moi de alá, e desde esa base como os cociñaría un nórdico se vivise en Galicia”.

Manu_Nunez_EtiquetaNegra19

O chef Manu Núñez

 

Traxectoria 

Manu Núñez é un cociñeiro de alma intrépida. Desenvolveu a práctica totalidade da súa fulgurante carreira fóra de Galicia, despois de acabar os seus estudos no Centro Superior de Hostelería. As súas inquedanzas levárono a traballar e formarse en países como Inglaterra, Alemaña e Luxemburgo. En España traballou en cociñas emblemáticas como as dos restaurantes El Amparo, Casa Solla ou El Bohío. 

Na actualidade, o cociñeiro coruñéz famoso pola súa participación en Tof Chef 2017, é copropietario do restaurante Arume na cidade de Barcelona. Ademais, é creador e organizador da “Pulpada Electrónica”, un evento multitudinario onde se xunta o mellor polbo á feira coa música electrónica máis actual.

O norte 

O último ano pasouno en Suecia traballando nas cociñas de restaurantes de diferente corte. O Gastrologik foi un deles. Este restaurante (con dúas Estrellas Michelín) ofrece unha proposta de alta cociña nórdica centrada só en produtos escandinavos. Núñez tamén colaborou co Ekstedt (1 Estrella Michelín) cuxa proposta se fundamenta en técnicas ancestrais nórdicas (só usan leña) que dan como resultado un menú degustación de alta cociña actual.
Neste periplo nórdico tamén atopamos o
Nook (Bib Gourmand Michelin) que ofrece unha proposta de alta cociña informal con influencias coreanas.

Este contacto coa cociña nórdica marca un antes e un despois na súa carreira e faino volver á terra con outra perspectiva. Esa nova mirada é a que imos poder coñecer no showcooking que vai ofrecer en Etiqueta Negra 2019.

Pin It on Pinterest