A concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, foi a encargada de presentar a 3ª edición de #EtiquetaNegra. Fíxoo esta mañá en rolda de prensa e confirmou aos medios que volverá celebrarse no mes de novembro, concretamente os días 10, 11 e 12 no Recinto Feiral da cidade de Pontevedra.
O certo é que a pouco máis de mes e medio para a súa celebración, xa contamos con máis expositores que na anterior, celebrada en outubro de 2017 e subindo, xa que o prazo para solicitar espazo expositivo aínda está aberto. Moitas das empresas expositoras repiten de novo, proba do seu grao de satisfacción, pero tamén hai que destacar unha alta porcentaxe de empresas que acudirán por primeira vez a presentar produtos tan singulares como congro seco, vaca cachena, hidromel, bebidas saudables ou botelo.
Desde a súa posta en marcha, a organización de Etiqueta Negra primou a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores. E así continúa sendo nesta terceira edición, na que tamén hai que destacar unha maior presenza de starups, como firme apoio ao emprendemento e á innovación. Nos diferentes stands poderanse atopar exquisiteces tales como marmeladas, cervexas, viños, queixos, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, salsas e aderezos, tortas, doces, xeados…
Pepe Solla, Lucía Freitas e Iñaki Bretal
O programa de actividades, a piques de ser pechado, contará coa colaboración de novas promesas da cociña e de destacados chefs galegos como Pepe Solla (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona) e Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), protagonistas, os tres, da campaña publicitaria de Etiqueta Negra 2018 quetamén se presentou hoxe e que se poderá ver en medios de comunicación, soportes de publicidade exterior e redes sociais nas próximas semanas.
Deste xeito, e como en anteriores edicións, xunto á actividade da zona expositiva desenvolveranse espectáculos de cociña en directo, cursos específicos para profesionais e público xeral, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os tres días que dura a cita co #GourmetGalego.
Organizada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra conta co patrocinio principal de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, así como da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade do Salnés. Tamén colaboran nesta terceira edición Tawi, Gadis, o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña e Froiz.
Feira consolidada e xa referente
En 2017 Etiqueta Negra recibiu máis de 6.400 visitas e contou, ademais, coa participación de 68 produtores e a realización de case 200 reunións de traballo no Punto de Encontro Profesional.