A feira prepárase para abrir as súas portas e ofrecer tres xornadas (7, 8 e 9 de novembro) repletas de gastronomía, sabores e experiencias, nas que produtores, profesionais e público poderán descubrir a diversidade e a calidade do produto gourmet galego.
A próxima edición de Etiqueta Negra reunirá arredor dun cento de expositores -preto dunha vintena deles por primeira vez- nunha edición especial que volverá converter a cidade de Pontevedra nun punto de encontro para produtores, profesionais da gastronomía e público interesado na calidade e na innovación alimentaria.
Durante tres xornadas, as persoas asistentes poderán coñecer e degustar unha ampla variedade de produtos gourmet galegos e descubrir o traballo das empresas que apostan pola calidade, a orixe e a creatividade. A programación combinará demostracións de cociña en directo, degustacións e actividades divulgativas con propostas dirixidas ao sector profesional.
Entre as novidades desta edición destaca a nova localización da Zona Gastro, que se situará no exterior, na explanada do Recinto Feiral, con acceso desde o interior da feira. Ademais, a xornada do luns 9 rematará ás 16.00 horas, adiantando o peche respecto das edicións anteriores.
Esta mañá celebrouse o acto de presentación da feira, que contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; do vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez Artime; e da concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías Torreiro. Os representantes institucionais destacaron o carácter estratéxico de Etiqueta Negra como escaparate da excelencia gastronómica galega e como motor económico e turístico para a cidade. Participaron tamén María Elena Suárez Sarmiento, directora territorial da Consellería do Mar en Vigo; José Manuel Asperez Montes, delegado de Turismo da Mancomunidade do Salnés; Anxo Soto García, secretario do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra; e José Martínez, responsable de Relacións Públicas de Hijos de Rivera.
Para todo o público
Tras o acto de presentación, Etiqueta Negra prepara xa tres xornadas cheas de experiencias, cun amplo programa de actividades na Zona de Catas, no Espazo Etiqueta, na Viñoteca e no Anfiteatro 1906. As propostas estarán dirixidas tanto ao sector profesional como ao público xeral, que poderá descubrir, degustar e aprender da man dos expositores participantes.
Viños, licores, cervexas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, conservas, setas, legumes, algas, empanadas, entre outros produtos, conformarán unha oferta expositiva marcada pola singularidade, a orixinalidade e a calidade.
Escenario de grandes nomes da cociña galega
Destacados nomes da gastronomía galega pasarán por Etiqueta Negra para celebrar os dez anos da feira. Entre eles figuran catro chefs con estrela Michelin: Pepe Solla, Iñaki Bretal, Yayo Daporta (acompañado da sumiller Esther Daporta) e Luis Veira. Xunto a eles, participarán os chefs Borja Piñeiro, do restaurante Lado, e Andrés Torreiro, restaurante D’Obra e gañador estatal do Desafío XChef. A cita contará tamén cos gañadores de Pontedetapas 2025, o concurso gastronómico promovido polo Concello de Pontevedra: As Greas (tapa creativa); Gumer (tradicional); e A Gramola (cóctel). Todos eles amosarán o talento e a diversidade da gastronomía galega, co produto e a creatividade como protagonistas.
A última xornada, o luns 9, estará dedicada, como xa é habitual, á formación e ás novas xeracións da hostalaría. O CIFP Carlos Oroza presentará o showcooking «Na lata: tapa e copa. O mar galego para comer e beber», mentres que a Escola de Hostalaría Obradoiro O Salnés achegará a proposta «Saborea o Obradoiro con Etiqueta». Ambas as actividades incluirán degustacións.
Experiencias arredor do produto galego
A Tetería da Deputación de Pontevedra volverá cunha programación de degustacións comentadas para dar a coñecer os diferentes os tés cultivados e elaborados artesanalmente na provincia. Baixo o título A hora do té, as persoas asistentes poderán descubrir as particularidades do TéAreeiro, producido a partir de Camellia sinensis, coñecer a historia do seu cultivo en Pontevedra e achegarse aos distintos tipos e ás claves para a súa preparación e consumo. As sesións serán impartidas polas técnicas Ángeles Barros, Ana Neves e Noelia Regueira, da Estación Fitopatolóxica Areeiro, e incluirán unha cata de diferentes variedades.
A Consellería do Mar promoverá a industria conserveira galega e os produtos agroalimentarios artesanais da comunidade a través de diversas actividades de GALICIA SABE AMAR. Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural estará representada por produtores artesáns adheridos ao distintivo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria. Estes contarán cunha aula de cata da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), na que desenvolverán un amplo programa de presentacións dos seus produtos e degustacións.
A colaboración de Estrella Galicia permitirá achegar ao público diferentes marcas e produtos do grupo a través dunha programación de experiencias arredor da cervexa, o vermú, a sidra e a coctelería. Entre as propostas figuran o Aperitivo Rivera Reposada, da man de Carlos Ávila; A hora do Vermut, con Vermut Rivera; Un GinTonic contado desde o principio, coa xenebra artesanal Vanagandr; e Momentos Maeloc, dedicado á sidra. A programación completarase con Un paseo polas cinco D.O.’s.
Oportunidades de negocio
Ademais da programación gastronómica, Etiqueta Negra ofrecerá un espazo de encontro para empresas produtoras, distribuidores, comercio especializado e profesionais da hostalaría, favorecendo o contacto directo e a creación de novas oportunidades de negocio. A presenza de vinte expositores que participan por primeira vez amosa tamén a incorporación de novas propostas ao escaparate do gourmet galego.
Ao longo das tres xornadas desenvolveranse numerosos encontros profesionais entre os expositores participantes con exportadores, distribuidores, tendas, restauradores, etc co obxectivo de facilitar o acceso a novos mercados e impulsar a expansión dos seus negocios.
Na xornada do luns, Etiqueta Negra recibirá un millar estudantes de centros de formación profesional de toda Galicia. A visita permitirá aos futuros profesionais do sector coñecer de primeira man as novidades do gourmet galego e achegarse ao traballo das empresas produtoras.
Horario ininterrompido
Etiqueta Negra conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e de Estrella Galicia e Cabreiroá, da Consellería do Mar e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra: e de Froiz e Gadis. Colaboran nesta décima edición o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera Espacios Temporales e Labauh Factory.
A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 h e o luns, de 11.00 a 16.00 h. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.

