Trece produtores e produtoras recibiron un diploma conmemorativo en recoñecemento á súa fidelidade e compromiso con Etiqueta Negra ao longo destes dez anos. O acto celebróuse na Casa Consistorial de Pontevedra.
Pontevedra, 9 de setembro de 2026.—
A feira celebra este 2026 dez edicións, unha traxectoria que non se pode entender sen as empresas, produtores e produtoras que confiaron neste proxecto e fixeron del un punto de encontro para o produto galego.
Por este motivo, a organización de Etiqueta Negra quere aproveitar a celebración deste décimo aniversario para recoñecer de maneira especial aos expositores máis fieis, aqueles que estiveron presentes ao longo de todo ou boa parte deste camiño e que contribuíron, coa súa participación, a facer medrar a feira e consolidala como unha cita de referencia para o sector gourmet galego.
Así, esta mañá na Casa Consistorial, co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fíxose entrega de diplomas conmemorativos a trece expositores como mostra de agradecemento pola súa fidelidade e compromiso con Etiqueta Negra.
Os expositores recoñecidos foron Bico de Xeado, Galletas Xianas, Paladar Queso, Habelas Hailas, Terras da Mariña e Gandaría Balín —presentes na feira desde a súa primeira edición— e tamén Pepa A Loba, Caracoles e Conservas do Gallo, Campo Capela, Ánades Galicia, Croketas D’, Granxa Aeiroá e Embruxo.
Este recoñecemento pon o foco nunha parte esencial da historia de Etiqueta Negra: as persoas e empresas que están detrás do produto. Pequenos produtores, empresas familiares, artesáns e elaboradores que, edición tras edición, apostaron por mostrar o seu traballo, compartir os seus produtos co público e formar parte dun espazo pensado para poñer en valor o mellor da despensa galega.
Escaparate para o produto galego
Durante estes dez anos, Etiqueta Negra foi evolucionando e medrando, pero mantivo intacta unha das súas principais razóns de ser: crear un escaparate para o produto galego facilitando o encontro entre quen o produce e quen o consume.
“Queremos que esta décima edición sexa tamén un momento para mirar atrás e agradecer. Hai empresas e produtores que levan desde o principio connosco, que confiaron na feira cando era un proxecto que aínda estaba a dar os seus primeiros pasos e que continuaron acompañándonos ao longo dos anos. Este diploma é unha pequena maneira de darlles as grazas por formar parte desta historia”, sinalan desde a organización de Etiqueta Negra.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o valor que ten Etiqueta Negra para a cidade: “É unha iniciativa que contribúe á dinamización económica e á promoción da gastronomía, pero tamén a dar visibilidade ao produto de proximidade, ao sector primario e ao talento galego. É unha feira que me gusta especialmente e que sempre desfruto. Ten, ademais, o valor engadido de ser un proxecto nacido e impulsado por tres empresas de Pontevedra –Era Comunicación, Ovo Publicidade e Trisquelia–, o que tamén é unha mostra da creatividade e da capacidade de iniciativa que temos na nosa cidade”.
Lores puxo tamén o foco na relación construída entre a cidade e a feira ao longo deste tempo: “Para nós é unha satisfacción que Etiqueta Negra celebre aquí a súa décima edición. Nestes dez anos, a feira fíxose parte da vida da cidade e queremos que continúe sendo así , que Pontevedra siga sendo ese punto de encontro para o produto galego. Etiqueta Negra ten aquí a súa casa e agardamos poder seguir compartindo moitas máis edicións e dando visibilidade aos produtores e produtoras que, co seu traballo, contribúen a facer país”.
Máis que expositores e produtos
Detrás de cada edición da feira hai moito máis que expositores e produtos: hai proxectos empresariais, historias detrás de cada elaboración, coñecementos transmitidos entre xeracións, novas iniciativas, persoas que apostan polo territorio e profesionais que traballan cada día para que os produtos galegos cheguen a máis mesas.
Os expositores homenaxeados forman parte da feira desde as primeiras edicións, acompañando a súa evolución. A súa presenza continuada é unha mostra da confianza nunha iniciativa que naceu coa vontade de destacar a singularidade, a orixinalidade e a riqueza dos produtos de Galicia, así como de crear novas oportunidades de encontro entre produtores, profesionais e consumidores.
O diploma entregado nesta xornada recoñece expresamente a “súa fidelidade e compromiso con Etiqueta Negra, así como a súa achega á posta en valor da excelencia, o talento e a cultura gastronómica de Galicia”.
A décima edición de Etiqueta Negra celebrarase os días 7, 8 e 9 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra. As empresas e produtores interesados en participar nesta décima edición aínda están a tempo de solicitar a súa admisión. As solicitudes continúan a chegar a bo ritmo e a organización prevé completar proximamente o espazo dispoñible.



