As tres empresas organizadoras—Era, Ovo e Trisquelia— entregaron ao Concello unha placa conmemorativa en agradecemento por dez anos de compromiso coa gastronomía e cos produtos galegos

A feira celebrará os vindeiros 7, 8 e 9 de novembro a súa décima edición, un aniversario moi especial que marca unha década de compromiso coa gastronomía galega, cos seus produtores e produtoras e coa posta en valor do produto de proximidade.

Unha década na que Etiqueta Negra foi consolidándose como un punto de encontro para descubrir, degustar e poñer en valor o mellor do produto galego. Durante todo este tempo, a feira medrou da man das empresas, artesáns, produtores, elaboradores e profesionais que conforman o rico tecido gastronómico de Galicia.

Neste camiño, a colaboración do Concello de Pontevedra foi imprescindible. Desde a primeira edición, o goberno local apostou decididamente por Etiqueta Negra e facilitou a súa organización na cidade, ao entender a importancia de contar cunha cita que sitúa no centro o produto galego, o talento dos seus produtores e a cultura gastronómica do país.

Por este motivo, representantes de Era, Ovo e Trisquelia, as tres empresas responsables da organización da feira, foron recibidos esta mañá polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que fixeron entrega dunha placa conmemorativa polos dez anos de apoio e compromiso do Concello coa feira, coa gastronomía e cos produtos galegos.

As empresas organizadoras quixeron facer extensivo este agradecemento á concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, pola súa disposición constante para facilitar a realización de Etiqueta Negra e contribuír a que a feira poida seguir medrando e desenvolvéndose en Pontevedra.

“Chegar á décima edición é un motivo enorme de orgullo, pero tamén unha oportunidade para mirar atrás e agradecer a todas as persoas e institucións que fixeron posible este camiño. O Concello de Pontevedra foi desde o principio un aliado fundamental. A súa implicación permitiunos celebrar a feira na cidade e contribuír, ano tras ano, a visibilizar o enorme valor dos produtos e dos produtores galegos”, sinalan desde Era, Ovo e Trisquelia.

Unha feira para celebrar o produto galego

Etiqueta Negra é un escaparate para os produtos de calidade elaborados en Galicia e, sobre todo, para as persoas que están detrás deles. A feira naceu coa vontade de achegar ao público a riqueza e diversidade do sector agroalimentario galego, creando un espazo de encontro entre produtores, profesionais, comercio, restauración e consumidores.

Ao longo destas dez edicións, Etiqueta Negra converteuse tamén nunha celebración do territorio e dunha forma de entender a alimentación baseada na proximidade, na calidade, na tradición, na innovación e no respecto polo produto. Porque detrás de cada queixo, conserva, viño, embutido, mel, doce, cervexa, carne ou elaboración artesanal hai moito máis ca un alimento: hai territorio, coñecemento, traballo e persoas.

A feira quere reivindicar precisamente ese valor e lembrar que apoiar os produtos galegos significa tamén apoiar o sector primario, manter viva a actividade no rural e nas nosas vilas, favorecer a economía local e contribuír á conservación dunha paisaxe e dun patrimonio gastronómico únicos.

Galicia conta cunha extraordinaria despensa e cun sector capaz de ofrecer produtos de enorme calidade e personalidade. Desde as pequenas explotacións e obradoiros artesáns ata as empresas agroalimentarias máis consolidadas, existe un tecido de produtores e produtoras que traballan cada día para ofrecer alimentos que levan consigo a identidade do país.

Etiqueta Negra é unha plataforma para que ese talento sexa coñecido, valorado e recoñecido, tanto dentro como fóra de Galicia.

Dez anos poñendo Galicia na mesa

A décima edición, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de novembro de 2026, será unha ocasión especial para celebrar todo o conseguido nestes dez anos e, ao mesmo tempo, mirar cara ao futuro.

“Dez anos despois, seguimos tendo moi claro por que naceu Etiqueta Negra: para celebrar o que temos na casa, para dar visibilidade a quen o produce e para demostrar que Galicia ten unha despensa única. Se chegamos ata aquí foi grazas aos produtores e produtoras, ao público, aos profesionais, ás empresas colaboradoras e tamén a institucións como o Concello de Pontevedra, que apostaron por este proxecto desde o primeiro día. E nesta décima edición, Etiqueta Negra seguirá a defender a mesma idea: Galicia ten produto, ten talento e ten produtores e produtoras extraordinarios. Só hai que poñelos no centro”.

Pin It on Pinterest