Etiqueta Negra arranca motores e vén de iniciar o periodo de reserva de stands para participar como expositor. Todos aqueles produtores de alimentos e bebidas de calidade feitos en Galicia teñen as portas abertas á única feira dedicada exclusivamente aos produtos de alta gama galegos. A feira celebrará a súa 8ª edición os días 9, 10 e 11 de novembro de 2024.
Apoiada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra é unha cita ineludible que convoca cada ano no recinto feiral de Pontevedra a empresas e produtores, a profesionais da alimentación, da restauración e da distribución, así como a consumidores. Para as firmas expositoras trátase dunha oportunidade única para xerar relacións comerciais, propiciar o contacto directo, descubrir novos clientes e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.
A partir de agora a organización da feira traballará para que a edición deste ano volva a converterse nun éxito de asistencia, xere negocio para as empresas participantes e siga contribuíndo a destacar a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade dos produtos de Galicia.
Xunto á actividade da zona expositiva, en Etiqueta Negra desenvolveranse ademais espectáculos de cociña en directo, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os tres días que dura o evento.