A cidade de Pontevedra volverase converter, por sexto ano consecutivo, no epicentro do gourmet galego coa celebración da feira profesional Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora. Profesionais, produtores e consumidores daranse cita os días 12, 13 e 14 de novembro no Recinto Feiral da cidade do Lérez co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais, difundir a excelencia dos nosos produtos e saborear Galicia.
Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran o que comen.
Espazo feiral
A feira contará coa presenza de oitenta de produtores (20 dos cales participarán por primeira vez neste evento), escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, galletas, tortas, doces, xeados, castañas, produtos de quinta gama, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, algas, salsas e aderezos, pan, propostas veganas e un sen fin de delicias que farán gozar o padal.
Moitos destes produtos será posible degustalos tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada, na que destaca a presentación de 20 novos produtos. Tamén a Tetería da Deputación de Pontevedra volverá para dar a coñecer o té galego feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro con talleres propios no seu stand. A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas.
Ademais, como novidade e para amenizar o ambiente, o programa deste ano contará con dúas sesións DJ: unha sesión tardiña con Beti de la Church (sábado ás 19.45 h) e unha sesión vermú con Señora Dj (domingo ás 13.15 h).
Showcookings
O Anfiteatro acollerá diversas e interesantes sesións maxistrais de cociña en directo protagonizadas por recoñecidos chefs como Beatriz Sotelo, do grupo Nove e recoñecida cunha Estrela Michelín, que coa participación da área de Turismo da Deputación da Coruña realizará o domingo 13 ás 12.00 h un showcooking con degustación para 100 persoas que leva por título “A provincia que sabe”, cociña tradicional con produtos de proximidade da provincia da Coruña.
Polos fogóns de Etiqueta Negra tamén pasarán os chefs Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes (restaurante Ceibe) e Miguel Mosterio (propietario de Gastrolab Arousa). Os produtos de proximidade serán os protagonistas en cadanseus showcookings que terán lugar o sábado e o domingo pola tarde respectivamente.
O luns 13 ás 11.30 h, o CIFP Carlos Oroza levará a cabo unha ilustrativa experiencia de atención ao cliente con diversidade visual. Baixo o nome de “Cos ollos do sabor”, un máximo de 80 persoas degustarán diferentes elaboracións cos ollos tapados por uns antefaces, sen ver nada, coa finalidade de que utilicen todos os sentidos agás a vista.
Ao remate, o Obradoiro de emprego Hostalería do Salnés XIV tomará o relevo explicando paso a paso o proceso de elaboración das diversas degustacións que compoñen o menú “Outono de Etiqueta”, con produtos dos expositores da feira. Esta actividade terá unha capacidade máxima de 75 persoas.
O cociñeiro e asesor gastronómico Fran Sotelino continuará o programa vespertino ás 16.45 h co showcooking “Cociña a contorna”, para concienciar de que se poden elaborar pratos de alta cociña adaptándonos os ingredientes que temos o arredor das nosas casas, sobre todo, da produción local ou da que nos nutre a natureza en cada temporada.
Ás 18.15 h, chegará –da man de Estrella Galicia– toda unha aposta pola cociña innovadora, fiel ao produto de proximidade, ao produto de temporada e ao produto ecolóxico. Lolo Mosteiro e Paula Martínez, copropietarios do restaurante betanceiro A Artesa da Moza Crecha, presentarán catro degustacións para 80 persoas que serán construídos seguindo unha maridaxe con Cervexas 1906.
Espazo Etiqueta
O Espazo Etiqueta volve nesta edición para acoller diversas actividades de formación así como presentacións de produtos algo máis destacadas. Así, celebraranse tres talleres de cociña sobre tapas creativas (sábado 12, ás 19.00 h), cociña con conservas (domingo 13, ás 17.00 h) e cociña de aproveitamento (domingo 17, ás 18.30 h), impartidos polo espazo gastronómico Indo e vindo.
Tamén desenvolveranse dúas sesións dunha cata especial co mel de Valdabella como protagonista e impartida polo experto Manuel Simôes. Serán o sábado 12, ás 13.00 e ás 17.00 h.
A participación nestes talleres ten un prezo de 15 euros e require inscrición e pago previos a través da páxina web etiquetanegragourmet.com. Hai 20 prazas dispoñibles para cada actividade.
Outras actividades
Estrella Galicia desenvolverá o luns unha serie de actividades divulgativas sobre os seus produtos. Pola mañá será a quenda do vermú Rivera e dos viños Ponte da Boga. A sesión vermú con Vermut Rivera desenvolverase ás 13.45 h na Zona de Catas dirixida pola embaixadora de marca de Maeloc, Sonia París, mentres que na Viñoteca os viños Ponte da Boga serán os protagonistas na cata guiada pola enóloga Patricia Pérez (tamén ás 13.45 h).
Xa pola tarde, na Zona de Catas, terán lugar os Momentos Maeloc, un percorrido divulgativo destas sidras realizado por Sonia París (18.00 h), e unha presentación das cervexas de temporada de Estrella Galicia (19.25 h).
Para a asistencia a estas catro catas comentadas gratuítas, haberá que realizar inscrición previa nos seus respectivos espazos cun límite de 24 persoas.
Punto de Encontro Profesional
Etiqueta Negra será unha gran plataforma de negocio e de encontro entre profesionais do sector gastronómico. Ao longo das tres xornadas desenvolveranse no Punto de Encontro Profesional numerosas reunións dos expositores participantes con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para iso, contactáronse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, así como 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.
Asemade, o luns 11, antes de apertura da feira, realizarase un almorzo informativo dirixido aos produtores sobre os apoios e os servizos do ICEX á internacionalización, impartido por Isabel Fernández Vizoso, xefe de Sector ICEX– Galicia.
Horario ininterrompido
Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, Etiqueta Negra conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá, como auga oficial, a Deputación de Pontevedra, a Mancomunidade do Salnés, Froiz e Gadis. Así mesmo, colaboran nesta sexta edición o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera espacios temporales e Labauh Factory.
A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 h e o luns, ata as 20.00 h. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.