Despois de dous anos de agarda, obrigada por mor da pandemia pola Covid-19 Etiqueta Negra, Gourmet Galego e Innovación Inspiradora volverá ao Recinto Feiral de Pontevedra, desta volta e por primeira vez desde a súa creació, no mes de decembro.

O anuncio das datas efectuóuno este martes a responsable da Concellaría de Promoción Económica do concello pontevedrés promotor do evento. A edil socialista Yoya Blanco, explicou que “esta quinta edición da feira se desenvolverá cun dobre obxectivo: por unha banda, apoiar e axudar aos profesionais do sector a relanzar os seus negocios nestes momentos tan complicados e, por outra, continuar a difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.

A comercialización do espazo feiral xa está en marcha. Como en anos edicións anteriores primarase a singularidade, a orixinalidade e a maior calidade das referencias fronte á cantidade de expositores. “Queremos que a edición deste ano -subliña a concelleira de Promoción Económica- volva converterse nun éxito de asistencia, xere negocio para as empresas participantes e siga contribuíndo a destacar a singularidade, orixinalidade e máxima calidade dos nosos produtos”.

Adaptada aos novos tempos, a feira abrirá as súas portas coas medidas necesarias para garantir a seguridade de todos os expositores, profesionais e público visitante. Tanto a organización do certame como o propio Recinto Feiral de Pontevedra contarán cun plan de seguridade específico, seguindo as normas establecidas polas autoridades sanitarias.

Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego e profesionais da alimentación, a restauración e a distribución, así como para consumidores que valoran cada día máis os produtos que degustan.

Pin It on Pinterest