Debido á situación actual de incerteza sobre a Covid-19 e ás restricións impostas en Pontevedra, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, tras reunirse coa organización da feira, anuncia un cambio de formato para a edición 2020. Excepcionalmente celebrarase unha versión diferente e máis íntima.

Tratase de Etiqueta Negra Experiencias, un programa de catas comentadas de produtos gourmet galegos. Celebrarase do 24 ao 29 de novembro en Pontevedra.

“Aínda que a comercialización do espazo de contratación ía a bo ritmo, e prevíase completar os stands dispoñibles para esta quinta edición, tomamos esta decisión despois de avaliar en profundidade a situación”, afirma Yoya Blanco, para quen a seguridade de expositores e visitantes é prioritaria. “Nestes momentos prima a saúde por riba de todo e agora mesmo non podemos nin aventurarnos nin arriscarnos a celebrala nun panorama incerto no que non sabemos que limitacións de aforo teriamos, nin sequera se estaría dispoñible o Recinto Feiral onde agora mesmo se están a realizar os test rápidos do Covid-Auto”.

Experiencias gourmet

Será unha semana con catas diarias cun aforo reducido –dirixidas por persoas expertas–, nas que os protagonistas serán, como sempre en Etiqueta Negra, produtores e produtos galegos de calidade diferenciada que pasaron ao longo destes anos pola gran feira do gourmet galego. Degustaranse, por exemplo, viños, queixos, doces, cafés, conservas, cervexas, vermús, precociñados, embutidos, infusións…

A inscrición para estas catas será gratuíta e farase a través desta web.
O lugar de celebración, as prazas dispoñibles e o programa das catas anunciarase en breve. Ademais, haberá a posibilidade de seguir estas actividades tamén de forma virtual a través da emisión en streaming.

Para apoiar ao sector primario e transmitir a súa importancia no sector gastronómico e na sociedade en xeral, a organización de Etiqueta Negra traballa xa neste novo formato, do que se dará a coñecer o programa en breve. A proposta seguirá contando co apoio de Hijos de Rivera.

Pin It on Pinterest