Teremos talleres de formación todos os días de feira dentro da programación complementaria de Etiqueta Negra. Algúns deles cun pequeno custe e outros de carácter gratuíto pero con inscrición previa. Son estes:
Cociña Asiática
O sábado 9 de novembro, da man da profesora Lili Wo e co patrocinio de Supermercados Gadis, celebraremos dous talleres de cociña asiática con produtos galegos. Os asistentes aprenderán a preparar as populares goyzas –as empanadillas de orixe china adoptadas polos xaponeses– e tamén futomaki, que son rolos de sushi pero coa particularidade de que nos seus ingredientes haberá produtos da terra.
Os horarios destes dous talleres son: sábado 9 de novembro, ás 13.30 h e ás 18.00 h, respectivamente e durarán case dúas horas.
Comida saudable
A blogueira Lady Compostela impartirá outros dous cursos sobre cociña creativa e saudable, grazas á colaboración de Kitchen in.
O primeiro deles, que leva por título “Cociña creativa con legumes” , está ideado para aprender a sacarlle o máximo partido os legumes, máis aló das potaxes. Está programado para o domingo 10 de novembro, de 11.30 a 13.15 h. Aprenderemos a preparar hummus caseiros, ensalada de lentellas con queixo feta, hamburguesa de garavanzos ao curry ou garavanzos especiados ao formo como forma de picoteo saudable.
O segundo curso de Lady Compostela (ese mesmo día pero ás 18.00 h) é ideal tanto para deportistas como para persoas que queiran optar por opcións máis saudables nas súas merendas. A blogueira ensinaranos a preparar diferentes snacks saúdables como boliñas de dátiles, galletas de avea e plátano, rochas de améndoa e chocolate ou pudin de chía con froita de tempada.
Cociña Atlántica
Baixo este título, o chef Miguel Mosteiro (Gastrolab Arousa) vai realizar (luns 11 ás 16.30 h) un taller de cociña no que traballará con peixes, mariscos, algas e herbas de litoral da costa galega. Ensinará varias técnicas de limpeza, desespinado e cortes do peixe Tamén técnicas e tratamentos do marisco para sacar o maior rendemento a este manxar, ademais de amosar os usos na cociña de varias algas e herbas de litoral.
Pan artesán
Dani Pampín, o mestre panadeiro de Amásame Bakery Lab, fará o propio cun taller para aprender a elaborar, conservar e usar masa nai (domingo 10 ás 18.30 h), e outro sobre técnicas de amasado e formado de pan (domingo 10 ás 19.45 h).
A participación nestes sete talleres ten un prezo de 12 euros e require de inscrición e pago previos a través da páxina web etiquetanegragourmet.com. As prazas son limitadas.
Cursos gratuítos
Sabías que as etiquetas falan? Gustaríache coñecer o significado real dos termos que aparecen nas etiquetas dos alimentos? Queres distinguir un alimento saudable dun que non o é, aínda que aparente selo? «Sei o que compro» é o título do taller formativo que impartirá a dietista-nutricionista Lidia Folgar. Será o sábado 9 ás 13.30 h, grazas á Confederación de Empresarios de Pontevedra.
As persoas que participen aprenderán a entender a etiquetaxe, comparar entre alimentos do mesmo grupo para poder elixir o mellor, escoller libremente un produto segundo a súa composición nutricional, á marxe da publicidade, e facer unha compra saudable e consciente.
Ese mesmo día pero unha hora máis tarde, ás 14.30 h, a CEP ofrecerá tamén un curso sobre a denominada dieta atlántica, rica en produtos do mar e da terra. A actividade correrá a cargo do chef Gerson Iglesias quen vai preparar un menú de dous pratos: xarda mariñada e chimichurri de algas; e magret curado, ovo escalfado, castañas e queixo curado. Unha delicia!
Os profesionais do sector da hostalaría teñen actividades dirixidas para eles no programa xeral de Etiqueta Negra. Estrella Galicia, patrocinador principal da feira desenvolverá o luns 11 pola mañá unha cata da sidra ecolóxica Maeloc (impartida por Sonia París, de Custom Drinks) e outra do Vermut Rivera (co wine ambassador Ramón Fontenla). Completa estes talleres a actividade «Viaxe Cerveceira» da man de Xabier Cubillo (de Cultura de Cerveza Hijos de Rivera).
E a Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, Xoga, desenvolverá –o luns ás 18.45 h– un curso de atención a clientes con diversidade sensorial impartido por Raquel González Novelle, intérprete e guía intérprete de lingua de signos e coordinadora da entidade.
Estes talleres gratuítos teñen unha capacidade limitada, polo que é necesaria a inscrición previa no Espazo Etiqueta (na propia feira) desde unha hora antes do comezo.