Talleres e degustacións con capacidade completa e sen entradas dispoñibles, un auditorio sempre abarrotado e unha feira con corredores cheos foi a tónica xeral dos tres días. O programa  contou coa celebración de 92 actividades e a participación dos chefs Pepe Solla (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), Héctor López (Restaurante España), o chef mexicano Rómulo Mendoza (Roldán 37), Diego López (La Molinera) –co patrocinio do Concello de Lalín–, Rubén González (El Cafetín de la Alameda), Ketty Fresneda, finalista de Masterchef 6, e Benigno Campos, presentador e cociñeiro do programa Larpeiros, quen realizaron os showcookings, a meirande parte deles, empregando produtos expositores participantes.

Espazos

A Zona de Catas acolleu sesións cada media hora durante os tres días de feira.

A Zona de Catas, na que non cesou a actividade con sesións cada media hora, e a Viñoteca funcionaron de forma simultánea. Acolleron un total de 54 degustacións que rexistraron un aforo completo.

Os talleres de formación con inscrición e pago previo tamén tiveron unha grande acollida. Cinco dos cursos –o de iniciación ao aceite de oliva, o de Enchilando a Galicia (promovido por Supermercados Gadis), o de tortillas e salsas mexicanas, o de iniciación a barista e o de empratado da man do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra– quedaron sen entradas dispoñibles e os outros dous –o de “Como preparar un bo café na casa?” e “Do prato á Rede”– rexistraron un 75% da súa capacidade. En total foron 116 as persoas que se inscribiron nalgún dos sete talleres celebrados.

Máis de 1.200 alumnos e alumnas de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición, cociña… asistiron á última xornada de Etiqueta Negra, procedentes, ademais da cidade de Pontevedra, de lugares de toda Galicia como Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Pobra do Caramiñal, As Neves, Soutomaior ou de Viana do Castelo en Portugal.

Punto de encontro profesional

Por otra banda, expositores e distribuidores mantiveron intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que se celebraron máis de 350 reunións de traballo. Esta zona cedeuse aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

Nestas cifras hai que contabilizar tamén os centos de reunións que os produtores mantiveron nos seus propios stands cos case 200 profesionais acreditados para a feira. Cómpre sinalar o alto grao de satisfacción dos máis de 100 expositores, que deron a coñecer e venderon os seus produtos nunha superficie feiral que creceu un 35% con respecto á anterior edición, demostrando así que Etiqueta Negra é a gran feira do produto gourmet galego. Moitos deles manifestaron que o primeiro día xa cumpriran as súas expectativas de venda. De feito, tiveron que volver ás súas sedes loxísticas para repoñer mercadoría.

Pin It on Pinterest