O Recinto Feiral de Pontevedra converterase este sábado 10, domingo 11 e luns 12 no epicentro do gourmet galego coa celebración da terceira edición de Etiqueta Negra. A feira é xa é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran cada día máis o que degustan. Este ano teremos espazo feiral máis amplo, en concreto, o número de expositores participantes medrou un 35% máis con respecto á pasada edición. 

Zona expositiva

Nos diferentes stands poderanse atopar exquisiteces tales como viños, licores, vermús, cervexas, refrescos 100% naturais, cafés, infusións, marmelada, galletas, tortas, doces, xeados, produtos de quinta gama, aceites, queixos, patés, carnes, angulas, lamprea, congro seco, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias que farán gozar ao padal. 

Showcookings

O anfiteatro Mahou acollerá demostracións de cociña en directo nas que poderemos ver receitas con sabor auténtico a Galicia. Contaremos con prestixiosos chefs como o estrela Michelín Pepe Solla (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), Héctor López (Restaurante España), o chef mexicano Rómulo Mendoza (Roldán 37), Diego López (La Molinera) –co patrocinio do Concello de Lalín–Rubén González (El Cafetín de la Alameda), Ketty Fresneda, finalista de Masterchef 6, e Benigno Campos, presentador e cociñeiro do programa Larpeiros.

Os centros de formación de hostalería estarán tamén presentes nesta nova ediciónO CIFP Carlos Oroza de Pontevedra amosará os «Produtos de sempre na nova pastelaría» a partir de diferentes produtos dos expositores de Etiqueta Negra. As creacións que presentará foron deseñadas e elaboradas polo alumnado de 1º e 2º curso do ciclo medio de Panadaría, repostaría e confeitaría baixo a coordinación dos profesores Manuel Patiño e Carlos Rodríguez. A continuación, o alumnado do Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés X fará o propio no showcooking Cociñas do Salnésgrazas ao patrocinio da Mancomunidade do Salnés. Ambas as dúas degustacións terán unha capacidade limitada a 100 persoas e desenvolveranse o luns pola mañá. 

Talleres de formación

Como novidade, o Espazo Etiqueta acollerá este ano varias actividades de formación dirixidas ao público xeral e a profesionais do sector. A participación nestes talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos. 

Vanse celebrar os seguintes cursos:

Un de iniciación sobre o aceite de oliva con degustación guiada promovido por Galeo e dous talleres de cociña mexicana impartidos polo chef mexicano Rómulo Mendoza. Da man do barista e tostador profesional Gonzalo Rodríguez (Club del Café) aprenderemos a preparar e a distinguir un bo café ou a introducirnos no mundo do barista. O blogger e community manager Alberto Ribas ensinará a difundir as creacións culinarias nas redes sociais no taller Do prato á Rede, mentres que Daniel Punzoni, profesor do CIFP Carlos Oroza, amosará diferentes técnicas de empratado a partir de tres produtos: congro afumado, lombo baixo e xeado. 

O programa deste espazo tamén abrangue outras actividades gratuítas como presentacións de produtos, maridaxes e degustacións, unha masterclass de corte de xamón, así como unha Gastroexperiencia Mahou con Rafa Centeno (Restaurante Maruja Limón) e Beltrán Vázquez (Brand ambassador de Mahou-San Miguel).

Zona de catas e viñoteca

Este espazo terá unha programación continuada que comezará ás 11.30 h con quendas de 30 minutos de duración. Os expositores amosarán a versatilidade e as bondades dos seus produtos, as súas particularidades, os métodos de elaboración, sabores e aromas máis sutís… Estrearase, ademais, un novo espazo, a Viñoteca, para a degustación de diferentes bebidas. 

A Deputación de Pontevedra volverá a instalar a súa Tetería para coñecer os distintos tipos de té que se producen no noso país. Pero nesta ocasión o té non estará só, chegará en comandita con outros produtos que, de seguro, sorprenderán ao público. As cinco sesións de EN_PARELLA té. Descubre o té galego en duetos realizaranse o sábado ás 18.00 h, e o domingo e o luns ás 12.00 e ás 18.00 h.  

A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas. 

Punto de Encontro Profesional 

Expositores e distribuidores manterán intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que está previsto que se celebren máis de 300 reunións de traballo. Esta zona cédese aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

Pin It on Pinterest