A súa paixón pola gastronomía venlle de neno, cando axudaba ao seu avó na tenda de comestibles que tiñan no baixo da súa casa en Arealonga (Chapela, Redondela). Os paseos, as lonxas e mercados, os xantares cos amigos e a música tradicional son outras das súas grandes afeccións. Benigno Campos define o bo comer como de prato grande e trago longo pero ademáis de abundancia na mesa, para el tamén debe haber moito humor, conversas felices, boa compañía e por que non, un pouco de música.
O cociñeiro afeccionouse aos fogóns mentres cumpría o servizo militar en Madrid en 1971. Daquela pasaba as fins de semana que tiña libres na casa da señora Tonina, unha veciña de Chapela que lle aprendeu a cociñar. Logo desta etapa a súa carreira profesional desenvolveuse noutros ámbitos, formándose como delineante e traballando durante 39 anos no naval vigués.
Cociñando en Larpeiros
Ao entrar na prexubilación decidiu dedicar o tempo a, entre outras cousas, aprender a arte culinaria das mellores tabernas da Guía moi preto da súa adorada praia de Arealonga e ampliou os seus coñecementos de cociña realizando varios cursos. Así é como chegou a el a posibilidade de cociñar e divulgar as excelencias da gastronomía popular urbana nun programa de televisión: Larpeiros (CRTVG). O éxito é tal que xa leva varios anos en pantalla, cuns índices de audiencia que converteron a serie Larpeiros nun dos programas máis vistos en Galicia na última década.
Benigno Campos é hoxe unha referencia ineludible na bibliografía gastronómica galega. A raíz do éxito televisivo tirou do prelo varios libros de receitas coa editorial Galaxia: A cociña de Larpeiros. 150 receitas de Benigno Campos (2009), Novas receitas da cociña de Larpeiros (2010), Volve a cociña de Larpeiros (2012) e Cociñando con Benigno Campos (2014), entre outros… todos eles con vendas que se contan por milleiros e dan boa mostra da súa popularidade.
Campos insírese así na tradición gastronómica galega, que ten dado ensaístas sobre o mundo dos fogóns tan notables como Manuel María Puga e Parga ‘Picadillo’, Emilia Pardo Bazán, Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Castroviejo.