Os amantes do aceite teñen a oportunidade de inciarse no mundo oleico o sábado 10 ás 11.30 h. Poderán descubrir todos os segredos do noso ouro verde dunha maneira dinámica e participativa. O taller o aceite de oliva con degustación guiada, promóveo a marca Galeo, o noso aceite.
Pódese enchilar a Galicia? Rómulo Mendoza, un dos expoñentes da alta cociña mexicana do momento, demostrarao o sábado 10 ás 17.00 h no taller de cociña patrocinado por Supermercados Gadis, onde un dos pratos máis significativos de México, o chile, se fusionará con produtos galegos. O chef tamén impartirá o domingo 11 ás 13.00 h outro taller sobre como preparar as tortillas mexicanas, guacamole e salsas para acompañar á cochinita pibil de Ya te Comeré.
Saborear un bo café, preparado da forma correcta, é un dos maiores praceres dos que unha persoa pode gozar a diario. Da man do barista e tostador profesional Gonzalo Rodríguez, propietario de El Club del Café, os asistentes a este curso aprenderán –o domingo 11 ás 11.30 h– a preparar o perfecto café. Ademais, o luns 12, ás 12.30 h, introducirá aos interesados no mundo do barista, non en balde ten no seu haber o terceiro posto no Campionato Estatal de Baristas 2018.
O blogger e community manager Alberto Ribas (Mais grelos; Al vientooo) ensinará como difundir as creacións culinarias nas redes sociais no taller Do prato á Rede, que terá lugar luns 12, ás 13.00 h, mentres que Daniel Punzoni, profesor do CIFP Carlos Oroza, amosará diferentes técnicas de empratado a partir de tres produtos: congro afumado, lombo baixo e xeado. Será o luns 12, ás 17.30 h.
A participación nestes talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos aqui: etiquetanegragourmet.com/tenda