A demostración de cociña deste prezado chef lugués será o domingo 11 de novembro ás 13.00 h no anfiteatro Mahou. Baixo o título «Boi galego. Do campo á mesa» Héctor López elaborará distintas creacións con este exclusivo produto: o boi galego, que coñece de primeirísima man e ao que sabe extraerlle todo o seu potencial.

De feito, o seu soño antes de ser cociñeiro era ser veterinario, quizais por iso, Héctor López ten moi presente que un óptimo benestar animal é fundamental para lograr unha materia prima de extrema calidade. E sábeo ben porque este xoven, inquedo e humilde cociñeiro, como o definen no prestixioso Grupo Nove (do que forma parte), é tamén gandeiro. Na finca de Recelle (Lugo), lugar de orixe da súa familia, Héctor cría bois: o boi galego que protagoniza a carta específica para este produto que se sirve no seu restaurante, o «España» a tan só 30 klm do lugar de cría, en Lugo. Inicíou este proxecto hai aproximadamente 8 anos. Algo antes, o chef decidíu cambiar as súas aspiracións veterinarias polos fogóns cando se cruzou no seu camiño Tomás Urrialde, quen lle falou da súa paixón pola cociña e provocou que se namorara, segundo el mesmo afirma, do seu traballo. E así, ata hoxe.

Héctor cursou os seus estudos no Centro Superior de Hostelería de Galicia. Pasou polas cociñas dalgúns dos mellores restaurantes do país, como o Akelarre de San Sebastián (chef Pedro Subijana) ou El Atrio de Cáceres (chef Toño López), unhas experiencias que o fixeron medrar como cociñeiro. Desde hai máis de 15 anos leva as rendas da cociña do restaurante «España», o negocio familiar, xunto ao seu irmán, Francisco (responsable de sala). Nos últimos anos, o restaurante ten recibido numerosos premios que recoñecen a evolución e o traballo diario do mesmo, tanto a nivel autonómico como nacional, así como varios Soles Repsol de maneira consecutiva. No 2014 o Instituto de Calidade Turística Española (ICTE) outorgoulle ao España a «Q» de Calidad Turística, un galardón que revalida cada ano. Na actualidade é xuíz do programa da TVG «Desafío nos fogóns».

Héctor López, cunto ao seu pai e irmán están ao fronte da Finca Recelle, onde se crían os bois que logo se consumen no «España».

Receitas sinxelas e de vangarda e un produto: o boi galego.

A cociña do «España» está baseada en receitas sinxelas pero de vangarda onde cobran especial importancia os produtos de tempada e de proximidade. O detalle e o mimo co que se trata á materia prima, que é sempre de primeira calidade. Esa é a clave do éxito da súa carta xeral. Da específica, a de carne de boi, é o indiscutible bo facer nos fogóns deste chef e a materia prima, criada por el mesmo. Do boi (que tarda 7 anos en estar no punto idóneo) aprovéitase todo e no «España» saben facelo moi ben, só hai que botarlle unha ollada a súa carta con receitas á prancha, tartar… dependendo da peza de animal que se cociñe. Tralo proceso de madurado das carnes, o boi dura aproximadamente 15 días no restaurante. De aí a lista de agarda para degustalo, con persoas que viaxan desde fóra de Galicia para tal fin.

 

Pin It on Pinterest