Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora pecha a súa primeira edición cun total de 5.183 visitas. A feira de exaltación dos produtos gourmet galegos contou, ademais, coa participación de 52 expositores e a realización de 315 encontros de negocio, entre os que cómpre destacar a visita dunha delegación de empresarios de Hong Kong grazas aos contactos establecidos entre o Concello de Pontevedra e a Asian-Spain Association Cultural Exchange.
Programa de actividades
Xunto á exposición comercial, a feira acolleu un completo programa de actividades paralelas que gozou dunha grande aceptación por parte dos visitantes. Así, no Anfiteatro Mahou desenvolvéronse demostracións de cociña en vivo a cargo de prestixiosos chefs como Pepe Solla, Iñaki Bretal, Dolores Valcárcel (La Abuela Lolita, do Canal Cocina), Nacho Tierno e Diego López, ou unha interesante mesa redonda sobre comunicación e gastronomía que contou coa participación, entre outros expertos, de Xosé Cannas, chef do restaurante Pepe Vieira. A Zona de Catas rexistrou, asimesmo, unha intensa ocupación nas 30 actividades desenvolvidas, entre as que destacan o showcooking de elaboracións de lapa, camelia e pan maridado a cargo do CIFP Carlos Oroza (baseado no seu proxecto de innovación sobre novos usos culinarios), ou a cata comentada de viños realizada polo enólogo, viticultor de Envínate e campión mundial de cata a cegas 2015, Alfonso Torrente Solana, na que un caldo portugués, un alemán e un borgoña se mediron cos nosos Rías Baixas. Moi concorrida estivo tamén a tetería da Deputación de Pontevedra que, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, desenvolveu cinco obradoiros para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado do té galego. Este cultivo prepárase exclusivamente a partir de follas novas e gromos secos dun arbusto perenne da especie Camellia sinensis.
Futuro
A organización mostrouse moi satisfeita non só polo éxito de público, senón tamén pola resposta transmitida polos expositores e profesionais da gastronomía e da restauración ao respecto da súa experiencia na feira. En total foron 168 os profesionais acreditados, entre os que se inclúen 49 tendas gourmet de Galicia e 16 distribuidores de alimentación. “Pechamos esta primeira edición de Etiqueta Negra coa satisfacción de contar co apoio dos visitantes, así como o dos profesionais do sector e dos expositores, moitos dos cales nos expresaron xa a súa intención de participar nunha segunda edición. Sabemos que hai cousas por mellorar, por iso agradecemos moito as críticas construtivas e as suxestións recibidas. Etiqueta Negra aspira a converterse nun dos eventos gastronómicos máis destacados do país, por iso en cada edición debe continuar aumentando, mellorando e innovando”, afirma Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade de Pontevedra. Promovida polo Concello de Pontevedra e baixo o patrocinio da Deputación de Pontevedra e de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, e con Mafari e a Mancomunidade do Salnés como patrocinadores de actividades, esta primeira edición contou ademais coa colaboración de Tawi, Froiz, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional, o CIFP Carlos Oroza e Gadis. Tras os traballos de montaxe, e un breve paréntese de descanso, a organización empezará xa a preparar a cita do ano que vén.