Xa é oficial, Etiqueta Negra está en marcha. Esta mañá comezaba a primeira feira dedicada por completo ao gourmet galego que se celebra en Galicia. No acto de inauguración acompañaron ao alcalde de Pontevedra a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías; o alcalde de Sanxenxo e delegado de Turismo da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Pita; a directora comercial de Mafari Café, Sofía Prieto e Bryan Kaulback, director de zona hostelería de Mahou. “É unha iniciativa espléndida, en Galicia temos moito potencial neste sector e debemos visibilizalo” sinalou Miguel Anxo  Fernández Lores na súa intervención, onde tamén destacou que Etiqueta Negra é “un proxecto colectivo de toda Galicia, aquí temos expositores de todo o país”. Na mesma liña se pronunciou a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, quen loubou a iniciativa, felicitou publicamente a Anabel Gulías, concelleira responsable, e sinalou a necesidade de poñer en valor ao sector “cun produto extraordinario e de altísima calidade” en feiras como Etiqueta Negra que “son un espazo tamén para a creación».

Programa de actividades

A actividade da mañá continuou no anfiteatro Mahou onde se presentou o Muíño de Cuiña (El Molino del Abuelo) tralo que houbo unha degustación para o público asistente de pans e fariñas  producidas neste muíño, integramente naturais 100% libre de aditivos.  A continuación, o Centro Superior de Hostelería de Galicia fixo unha demostración sobre o uso da conserva galega na alta gastronomía. Baixo o título, “De Nicolas Appert á cociña do mañá” realizaron unha proposta culinaria de 4 pratos consistente en cóctel Perro Salado con berberecho, coca de sardiniña afumada, bao negro de mexillón en escabeche e ensalada de codorniz.   A xornada matutina concluíu cunha presentación de Gin Tonic en tres texturas, a cargo de El Mono con Sombrero. Alejandro Pita Méndez – profesional de hostelaría, barista, coctelería internacional e evolutiva— que elaborou para o público asistente xelatina de xinebra, caviar de tónica e aire de lima.

Pin It on Pinterest