Carlos Riaño impartirá sesións comentadas para que as persoas participantes poidan coñecer os diferentes tipos de té, a súa procedencia, propiedades e a forma correcta de preparalo. Para participar nestas sesións faranse grupos de 20 participantes cada un, e será imprescindible inscribirse previamente. Os horarios dos obradoiros de té son: Sábado 12 de novembro: de 17:00 a 18:30 horas Domingo 13 de novembro: de 13:00 a 14:30 horas; e de 17:00 a 18:30 horas Luns 14 de novembro: de 12:00 a 13:30 horas; e de 16:15 a 17:45 horas
O té galego, a Camellia sinensis
O té prepárase, só e exclusivamente, a partir de follas novas e gromos secos dun arbusto perenne da especie Camellia sinensis. Un xénero que habitualmente se pode atopar nos xardíns galegos como pranta ornamental. Pero a Camellia sinensis tamén pode ser cultivada de forma intensiva para a produción de té para o consumo familiar ou para a venda. O té galego A Camelia, tamén coñecida como ‘a flor das Rías Baixas’, atopou na provincia de Pontevedra unhas condicións edafolóxicas e climatolóxicas idóneas para o seu cultivo. Na actualidade é a zona de toda España máis representativa en canto a número de exemplares. Aínda que a camelia se implanta nun primeiro momento con fins ornamentais, a día de hoxe xa comezan a agromar iniciativas relacionadas co seu aproveitamento produtivo. Así, algúns emprendedores e emprendedoras xa están traballando na elaboración de produtos derivados deste cultivo e orientados ao mercado, como poden ser os xabóns e cremas realizados a partires da camelia, o aceite para uso cosmético e culinario, ou, por suposto, o té.
Estación Fitopatolóxica do Areeiro
Na investigación e asesoramento sobre os usos produtivos da camelia ten un papel determinante a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que a día de hoxe conta con máis de 5 hectáreas dedicadas ao cultivo de diferentes especies froiteiras e ornamentais, entre as que destaca unha importante colección de camelias con máis de 40 especies e 700 cultivares. O equipo de investigación da EFA ten realizado estudos sobre o comportamento das especies de camelia xa establecidas en Galicia, e conta cunha plantación experimental de té de Camellia sinensis utilizada para analizar o comportamento e adaptación desta especie. Actualmente, nas instalacións do centro tamén se procede ao procesado e manufacturado do té cultivado. Este traballo investigador da EFA deu como resultado a posibilidade de que Galicia converta o té nun cultivo que aporte novas liñas de desenvolvemento para o sector produtivo. Así, despois de 10 anos analizando variedades e comprobando cal é a que mellor se axusta para estes fins, a EFA lidera un proxecto único asesorando a emprendedores e empresas que están a apostar polas plantacións dedicadas á produción de té 100% galego.